A ABADÍA DE MONTSERRAT COLABORARÁ NA PROMOCIÓN DO
XACOBEO 2021 EN BARCELONA

  • O presidente do Centro Galego, Carlos Mandianes, reuniuse esta mañá co
    Padre Abade, a quen lle presentou, entre outros proxectos, a organización
    dunha exposición con fotografías do Museo das Peregrinacións e a
    sinalización do Camiño de Santiago na cidade condal.

Barcelona, 27 de setembro de 2019.- O Padre Abade de Montserrat, Josep Maria
Soler, confirmoulle hoxe ao presidente do Centro Galego de Barcelona, Carlos
Mandianes, que a Abadía colaborará na difusión e promoción do Ano Santo Xacobeo
de 2021 na capital catalá. Mandianes reuniuse esta mañá con Soler en Montserrat
para abordar a participación do Mosteiro nas actividades que o Centro Galego está a
deseñar para promocionar o Xacobeo en Barcelona.
O presidente da entidade presentoulle, entre outros proxectos, a organización dunha
exposición de fotografías que serán cedidas temporalmente polo Museo das
Peregrinacións de Santiago de Compostela, así como por outros museos galegos. A
mostra abrirase nos vindeiros meses tanto nas instalacións do Centro como –no caso
das de maior tamaño- en Montserrat, para o que o Padre Abade ofreceu as
dependencias do Mosteiro. As imaxes iranse renovando periodicamente, co obxectivo
de manter unha exposición dinámica aberta nas dúas localizacións desde finais deste
ano e ata rematar o 2021.
Así mesmo, estase a valorar a posibilidade de trasladar desde eses museos algunhas
pezas artísticas orixinais para expoñelas en Barcelona, iniciativa que, ademais do
correspondente estudio de viabilidade, precisaría do apoio da Xunta de Galicia, que se
está actualmente a xestionar. O obxectivo deste proxecto é incentivar a difusión do
fenómeno Xacobeo, promovendo en Cataluña un maior coñecemento da historia,
valores e actualidade do Camiño de Santiago e as súas peregrinacións.

SINALIZACIÓN DO CAMIÑO
Doutra banda, Carlos Mandianes expúxolle a Soler o proxecto de sinalización do
Camiño de Santiago na cidade condal, que carece actualmente de indicador algún da
Ruta, aínda que si está sinalizada en poboacións dos arredores. Trátase de marcar o
inicio do Camiño no centro de Barcelona e guiar o seu percorrido ata Montserrat, que
constitúe o punto de arranque do mesmo desde Cataluña ata o seu entronque co
Camiño Francés.

http://www.cronicasdelaemigracion.com/articulo/galicia/abadia-montserrat-colaborara-promocion-xacobeo-2021-barcelona/20190927200819095577.html

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies