INICIADAS AS CLASES DE POESÍA E CULTURA GALEGA NO
CENTRO GALEGO DE BARCELONA

  • Son impartidas polo Premio Nacional de Literatura Gonzalo Hermo.

Barcelona, 29 de outubro de 2019.- O Centro Galego de Barcelona iniciou as clases de
Poesía e de Cultura galega, novidades da programación de actividades da entidade
para o presente curso. A decisión da directiva do Centro de poñer en marcha estas
clases responde, por unha banda, ao interese que concede ao afondamento no
coñecemento da cultura de Galicia e, por outra, á petición de moitos socios de
programar un obradoiro de poesía, tras as actividades puntuais que sobre ese ámbito
desenvolvéronse na entidade hai uns meses.
As clases de poesía preséntanse como unha panorámica da tradición poética galega,
desde a poesía medieval ata os nosos días, e teñen como eixo central o comentario
conxunto de poemas representativos de cada etapa. Paralelamente, desenvolverase
un taller de escritura poética onde os alumnos irán escribindo e expoñendo os seus
propios poemas guiados polas indicacións do profesor. En canto á cultura galega, o
curso vén completar os contidos do de Lingua Galega que se imparte tradicionalmente
no Centro con outros sobre Historia e Literatura.
En ambos os casos, as clases son impartidas polo poeta Gonzalo Hermo, Premio
Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova “Miguel Hernández”. Galego
residente en Barcelona, Gonzalo Hermo é licenciado en Filoloxía Galega e doutor en
Lingüística Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. É autor das obras
poéticas “A vida salvaxe”, “Celebración” e “Crac”, as dúas primeiras traducidas ao
catalán e a segunda tamén ao castelán.
Ademais do Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova,
“Celebración” valeulle o premio da Asociación Española de Críticos Literarios. Foi
galardoado tamén co Premio de Poesía Afundación, en 2018, por “A vida salvaxe” e co
Premio Xuventude Crea, da Xunta de Galicia, por “ Crac”. Así mesmo, obtivo o Premio
Fin de Carrera da Xunta ao mellor expediente académico pola súa licenciatura en
Filoloxía Galega.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies