OS SOCIOS DO CENTRO GALEGO DE BARCELONA DIVISAN A
CIDADE DESDE O PARQUE NATURAL DE COLLSEROLA NUNHA
NOVA CAMIÑADA
Barcelona, 28 de outubro de 2019.- As camiñadas organizadas polo Centro Galego de
Barcelona levaron onte aos seus socios a divisar a cidade e os seus arredores desde o
Parque Natural de Collserola, un enclave situado nun dos extremos da propia capital
catalá e ao que se pode chegar desde a mesma en transporte urbano. Esa proximidade
e facilidade de acceso, xunto co alto interese do seu patrimonio natural e cultural, fan
de Collserola unha visita obrigada para quen desexe coñecer Barcelona máis aló da súa
faceta meramente urbana.
Por outra banda, e a pesar de non ter unha gran altura, o Parque ofrece unhas vistas
amplas e únicas de Barcelona, a súa fachada marítima e comarcas como o Vallés, o
Garraf, o Maresme, así como a Serra Litoral e o Montseny, entre outras zonas.
Os participantes nesta nova excursión do Centro Galego de Barcelona puideron,
ademais, percorrer distintos picos destacados e contemplar masías tradicionais, fontes
e outros vestixios históricos. Igualmente, algúns deles prolongaron o roteiro ata o
Tibidabo, unha das dúas montañas urbanas de Barcelona. A excursión abarcou un
percorrido de 19 quilómetros, que se estendeu a 20,5 no caso dos que optaron por
completala co paseo polo Tibidabo.
O Centro Galego de Barcelona programa saídas periódicas a enclaves naturais de
Cataluña que destacan pola súa paisaxe, natureza e historia, co dobre obxectivo de
fomentar a convivencia entre os socios e de ampliar o seu coñecemento sobre o
territorio catalán.