OS SOCIOS DO CENTRO GALEGO DE BARCELONA FAN UN NOVO
PERCORRIDO POLO PARQUE NATURAL DO MONTSENY
Barcelona, 11 de novembro de 2019.- As camiñadas que organiza regularmente o
Centro Galego de Barcelona volveron onte ao Parque Natural do Montseny, esta vez
para facer un novo percorrido que partiu da localidade de Santa Fe. A entidade
programa estas excursións co dobre obxectivo de fomentar a convivencia dos socios
en actividades de lecer e de ampliar o seu coñecemento sobre o territorio e os valores
naturais e culturais de Cataluña.
A diferenza da realizada en abril, que discorreu desde Aiguafreda por unha das serras
máis afastadas do núcleo central do parque, a camiñada de onte seguiu un roteiro xa
clásico neste enclave. Así, desde Santa Fe, os socios do Centro subiron ata o cume de
Les Agudes (1.704 metros) e seguiron ata o Turó de l’Home (1.710 metros), o punto
máis alto do parque. O roteiro continuou polo Puig Sesolles e o Turó Gros antes de
baixar de novo a Santa Fe.
Os participantes gozaron no seu percorrido, de 12 quilómetros en total, de
impresionantes vistas e do espectáculo de cor que ofrecen háxalas desa zona nesta
época, ademais doutros valores como fontes ou pozos de xeo.
Declarado reserva da biosfera pola Unesco en 1978, o Montseny é o parque natural
máis antigo e un dos máis importantes de Cataluña, que reúne comunidades vexetais
propias dos tres biomas europeos: mediterráneo, eurosiberiano e boreoalpino e inclúe
o bosque natural de abetos máis meridional de toda Europa.