OS SOCIOS DO CENTRO GALEGO DE BARCELONA VISITAN O
BARRIO GÓTICO DA CIDADE
Barcelona, 21 de novembro de 2019.- Dentro das actividades culturais e de ampliación de coñecementos sobre a cultura e a historia de Cataluña organizadas pola entidade, os socios do Centro Galego de Barcelona puideron coñecer onte máis a fondo, nunha visita guiada por Alfonso Villar, a historia, a arquitectura e os monumentos do Barrio Gótico da cidade, empezando pola Catedral e os seus 30 altares e incluíndo as murallas romanas e as súas ampliacións, así como palacios e igrexas.
O Barrio Gótico constitúe o núcleo máis antigo de Barcelona e o seu centro histórico, cuxa estrutura permaneceu intacta ata o século XIX, no que, entre outros cambios, derrubáronse as murallas, transformáronse en prazas públicas os cemiterios parroquiais e baleiráronse e cambiaron de uso grandes edificios. Actualmente consérvanse fragmentos da primeira muralla fronte á Catedral. Situado dentro do distrito de Ciutat Vella, componse de distintos barrios con personalidade propia, como a Xudería, Santos Xusto e Pastor, Santa María do Piñeiro, a Catedral, Santa Ana, A Mercé e o Palacio.